O Concello de Cambados vén de confirmar a actuación de Tanxugueiras na LXX Festa do Albariño, que terá lugar na Praza de Fefiñáns o martes 2 de agosto ás 22:30 horas. O concerto, cuxa entrada será gratuíta ata que se encha o aforo, contratouse grazas ao programa Musigal da Deputación de Pontevedra.
O día 3 de agosto tamén actuarán algúns dos artistas de música urbana máis famosos do momento, Morad e Beny Jr. A entrada deste concerto terá un prezo de cinco euros (máis os gastos de xestión, que serán como máximo dun euro) e poderase adquirir en ataquilla.com dentro dun par de semanas.
A Festa do Albariño de Cambados cumpre este verán a súa edición número 70 e, por iso, o obxectivo principal é recuperar a imaxe anterior á pandemia provocada polo covid-19. Mentres que nos dous últimos anos non se puido celebrar con normalidade, as perspectivas da situación sanitaria en canto a esta celebración son optimistas.