Despois de dous anos de pandemia, o concello de Sanxenxo, xunto coas ANPA, prepara o seu plan de conciliación co regreso das ludotecas nos centros educativos. A concelleira de Educación e Cultura, Paz Lago, vén de reunirse coas entidades dos colexios públicos de O Cruceiro, A Florida, Magaláns, Portonovo e Nantes, nas que varias ANPA xa se mostraron interesadas en organizar as ludotecas.
Grazas a este plan de conciliación, as ANPA que o desexen poderán retomar a organización das ludotecas de verán, contando coa colaboración do Concello. O obxectivo principal é que as familias poidan saber canto antes a oferta dispoñible, o que lles permitirá organizarse durante este verán.
Pola súa banda, desde a Concellería de Educación informaron tamén de que o 22 de marzo conclúe o prazo para presentar a solicitude de admisión dos alumnos e alumnas que entran por primeira vez no sistema educativo.