Os concellos arousáns non dispoñen de mecanismos concretos para ordenar a chegada de autocaravanas aos seus municipios durante a época de verán. É o caso de O Grove e A Illa de Arousa, dúas localidades sobre as que o turismo estival exerce maior presión. Ambos concellos están á espera de que fructifiquen as xestións realizadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para desenvolver unha normativa que lles permita actuar con seguridade xurídica.
Despois de diversas xornadas sobre a materia celebradas en Betanzos, a Fegamp acordou solicitar informes tanto a Turismo e Medio Ambiente da Xunta, como a Turismo e a Dirección Xeral de Tráfico, ambos dependentes do Goberno central. O alcalde de O Grove, José Cacabelos, indicou a necesidade de que todas estas administracións se impliquen na solución do que hoxe en día é un problema para moitos municipios galegos. Así, o pleno desta localidade descartou hai uns días unha proposta do BNG para habilitar zonas para autocaravanas, xa que na localidade xa existen varios establecementos privados que dan ese servizo. Cacabelos confía en que o traballo que está realizando a Fegamp solucione esta situación que é cada vez máis complexa.
Por outra banda, o Concello de A Illa tamén intenta controlar o problema das autocaravanas, xa que dende o verán pasado se intenta manter un férreo control policial sobre as zonas nas que adoitan instalarse. Ademais, a época estival adoita ser sinónimo de atascos, pois hai tramos nos que a circulación resulta insufrible. Os veciños de A Illa de Arousa son conscientes de que cada ano cruzar a ponte resulta agotador, polo que esperan que a situación mellore este ano. En O Bao funciona xa un aparcadoiro que pretende que os visitantes deixen aí os vehículos e percorran a localidade empregando medios menos agresivos, como as bicicletas.