Carolina Rubirosa, artista do Grove pero afianzada na Coruña, ven de conseguir o segundo posto no Liet Festival International, un certame europeo de linguas minorizadas que se celebrou en Dinamarca horas antes que o Festival de Eurovisión. Este festival ten como norma principal a prohibición de cantar en inglés e está organizado pola fundación frisoa Liet International en estreita colaboración cos seus socios europeos. Segundo a artista galega: “Este festival é fermosísimo. Para min ten moito máis valor que Eurovisión, porque aquí ou que conta é a lingua, a identidade, a tradición… Pon en valor as diferenzas, a diversidade. É unha pasada”.
A canción interpretada este ano foi O teu camiñar, un tema que se escoitou en directo durante a presentación do Rías Baixas Fest. A artista indica que é a canción oficial de promoción do Camiño Inglés, o a ruta que utilizaban os ingleses, irlandeses e escoceses e que sae de Ferrol. Trátase dun tema que compuxo en 2019 e que tamén recibiu outro premio en Aveiro (Portugal).
A cantante xa fora seleccionada para o Liet Festival hai dous anos, pero a crise do coronavirus impediu que o certame levase a cabo. Ademais, Rubirosa conta que algúns participantes interpretaron os temas de forma virtual en 2021, “pero nunha proposta que non era competitiva”. Por outra banda, admite que pensou que o tería moi difícil para ser escollida de novo este ano, resaltando que sentiu moi afortunada en canto se tomou a decisión.